Icono1 Icono2 Icono3
Escola Municipal de Música de Vigo
Escola Municipal de Música de Vigo
kb_mus

Destinado a nenos e nenas entre os 4 e os 7 anos.

 

Divídese en dous niveis educativos: iniciación e formación básica. Terá por obxecto a introcución de nenas e nenos no mundo da música a través do xogo a actividade rítmica e a percepción auditiva.


Música e movemento terá a consideración de ciclo independente do resto da oferta da Escola Municipal de Música de Vigo e poderá dar acceso a diferentes ofertas municipais de formación en música e artes escénicas.


Este ámbito formativo, común para as escolas de música e de danza, está dirixido exclusivamente ós alumnos de idades comprendidas entre os catro e sete anos, co fin de atender, cun tratamento pedagóxico específico, o descubrimento e desenvolvemento das capacidades expresivas, musicais e motrices que permitan posteriormente a elección dun instrumento ou da danza e unha práctica gozosa e convincente de ámbalas dúas actividades artísticas.


O ensino integrado de música e movemento realizarase en grupo e deberá organizarse en dous niveis de dous cursos de duración cada un deles:

  • Iniciación, dirixido ós alumnos de catro a seis anos.
  • Formación básica, dirixida ós alumnos de seis a oito anos.

Os grupos non deberían supera-los 12 alumnos no nivel de iniciación e os 15 no de formación básica.


É conveniente que os nenos menores de oito anos, antes de iniciaren o estudio dun instrumento ou ben simultaneamente a este, realicen os cursos de música e movemento que correspondan á súa idade, co fin de propiciar situacións de aprendizaxe que favorezan a motivación necesaria, mediante o xogo e a relación cos demais, para o desenvolvemento das súas capacidades expresivas en relación coa música.


Os contidos básicos deste ámbito formativo terán en conta o ensino integrado dos seguintes apartados:

  • A voz, na súa dobre vertente de linguaxe e canto, como medio de expresión por excelencia nos alumnos destas idades. Nesta fase de sensibilización vocal, os alumnos deberán coñecer e cantar un amplo repertorio de cancións infantís adecuado ó ámbito da súa voz, recitar ritmicamente versos e trabalinguas, escenificar contos e historias, así como descubri-las múltiples posibilidades que ten a voz como instrumento.
  • Contacto coas fontes sonoras a través de materiais diversos, obxectos e instrumentos, tanto para descubrir, recoñecer e diferenza.las distintas cualidades do son e a súa relación coas materias que o producen, o tamaño deles e a forma de tocalos, como para desenvolve-las capacidades motrices necesarias para a súa utilización.
  • Recoñecemento e a representación en grafías non convencionais de parámetros referidos á duración, intensidade, altura, timbre, etc.
  • Desenvolvemento da percepción auditiva e do pensamento musical a través do recoñecemento de distancias interválicas grandes ou pequenas, de improvisacións melódicas libres, de ordenacións formais, de audicións asociadas a pequenas narracións ou debuxos, etc., con diversidade de materiais, tanto tonais como atonais, métricos ou de ritmo libre.
  • Movemento como medio de expresión e de sensibilización motriz, visual e auditiva, para coñece-lo propio corpo, desenvolve-la seguridade rítmica, o sentido espacio-temporal e o sentido da dinámica e favorece-las relacións con outros compañeiros e co grupo.

Volver

 

www.flickr.com

 


Escola Municipal de Música de Vigo · Camiño do Regueiro 1, 36211 Vigo · 986 410 785 · emmvigo(a)gmail.com | Aviso Legal | Créditos | Concello de Vigo