google-site-verification=755YPqdKpUhfbOxD7kBmtZeQNa5ON4KNUdQzhDFgnD0
top of page

Nos seus inicios, o cine era mudo… ou iso pensamos. As películas non tiñan son gravado, pero nas proxeccións sempre había un pianista (ou incluso pequenos grupos musicais) que tocaban en directo para acompañar as imaxes e axudar ao público a comprender o que estaba a acontecer na pantalla.

Co paso do tempo inventouse o cine sonoro e comezamos a escoitar as voces dos actores, os ruídos e a música, converténdose o son nun elemento fundamental das películas.

A través desta unidade didáctica, o alumnado poderá descubrir a importancia do son e da música no cine, familiarizándose coas técnicas sonoras e co papel que xoga a música á hora de modificar a nosa percepción das imaxes. Coñeceremos tamén como se crean os ruídos das películas, traballaremos conceptos musicais sinxelos e achegarémonos aos instrumentos musicais das diferentes familias.

Ao longo das actividades propostas, xurdirán preguntas como:

– Quen toca e quen compón a música dunha película?
– Para que serve a música no cine?
– Como se crean os efectos sonoros?
– Podemos facer nós a nosa propia banda sonora?
– Como inflúe o son no que sentimos ao ver unha escena?

Estas e outras cuestións servirán como punto de partida para investigar, experimentar e crear antes de asistir ao concerto didáctico.

bottom of page